0

ESTAS SON AS PROPOSTAS DA BIBLIO PARA CONMEMORAR O NACEMENTO DE HANS CHRISTIAN ANDERSEN

BeFunky CollageAndersen

 

O vindeiro domingo 2 de abril celebramos o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL, coincidindo coa data de nacemento do escritor danés HANS CHRISTIAN ANDERSEN. Dende 1967, o IBBY, International Board on Books for Young People, impulsa esta celebración para fomentar a literatura infantil e a lectura nestas franxas de idade.

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil e selecciona unha escritora ou un escritor, así como a unha ilustradora ou ilustrador do seu país para que elaboren unha mensaxe dirixido a todos os nenos do mundo. A ilustración e o texto resultante distribúense por todo o mundo para que todas as bibliotecas, centros escolares, librerías, etc., celebren esta festa da lectura.

Este ano 2017 a sección organizadora é RUSIA, e os artistas elixidos son o escritor SERGEY MAKHOTIN e o ilustrador MIKHAIL FEDOROV.
Nós aportaremos, como sempre, a nosa colección de libros de Andersen para acompañar o acontecemento.

 

Tamén imos ter dúas actividades para celebrar este día:

Marisa Irimia 1 abril

 

Mañá, sábado 1 de abril ás 12:00 h, na nosa Choiva de contos, recibimos á contadora MARISA IRIMIA que contará “O CÍRCULO MÁXICO DOS CONTOS”. Para nenos e nenas de 3 a 12 anos.

 

Antes do contacontos leremos a mensaxe do poeta Sergey Makhotin da sección rusa do IBBY, Organización Internacional para o Libro Infantil e Xuvenil. Para nenos e nenas de 3 a 12 anos.

BrincaVai

O luns, 3 de abril ás 18:30, ven PACO NOGUEIRAS co seu espectáculo “BRINCA VAI! DE AQUÍ A ACOLÁ”. Para nenos e nenas de todas as idades. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

 

FELIZ DÍA DO LIBRO INFANTIL!!

ANDERSEN OEPLI

0

O 20 DE MARZO É O DÍA MUNDIAL DA NARRACIÓN ORAL

Baixo o título de narrativa de tradición oral poderíamos agrupar todos os relatos que vivan na tradición e usen a lingua falada como medio para presentar un acontecemento. Atopamos tantos moldes, relatos longos, breves, sinxelos e complexos, ou mitos, lendas, contos, supersticións, anécdotas e chistes, que ordenalos non xustifica o esforzo.

Mais ao relato oral engadímoslle a condición de tradicional acadada por vivir na memoria do pobo e pola súa transmisión oral en diferentes variantes da forma orixinal. Aínda que algúns relatos teñan autor, a tradición usurpa a forma primixenia, converténdoa nunha creación colectiva que vive nese propio conxunto de versións.

Parece que a iniciativa de conmemorar o Día Mundial da Narración Oral xurdiu en Suecia en 1991, e foi crecendo ata celebrarse hoxe de forma unánime na maioría de países nesta festa colectiva mundial.

Desde o ano 2013 Soledad Felloza organiza o Festival Atlántica con sede en moitas cidades e vilas de Galicia, festexando unha das grandes destrezas da cultura galega, como di o profesor Manuel Gago: a NARRACIÓN ORAL.

Diferentes espectáculos estanse celebrando en Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense, Lalín e Teo. E nesta quinta edición, que comezou o pasado mércores 15 de marzo e que rematará o vindeiro domingo 19, a Biblioteca Ánxel Casal tamén será sede. O sábado 18 recibiremos na nosa Choiva de Contos a Cláudia Fonseca de Brasil co seu contacontos CONTADIÑAS.

Claudia Fonseca 3

O Festival Atlántica programa actuacións para todos os públicos e reafirma o seu carácter inclusivo coas sesións de contos para bebés e o espectáculo en lingua signada, que xa estrearan na pasada edición.

Pola nosa parte, agradecerlle ao Festival Atlántica a súa presenza na nosa Choiva de Contos e deixarvos unha pequena mostra de libros con narrativa de tradición oral presentes na nosa biblioteca.

 

Tamén os nosos compañeiros do segundo andar teñen preparado unha mostra bibliográfica na que a recopilación contén máis materiais sobre Tradición oral para todos os públicos.

20170317_113556

Tradicion oral

Se queredes estar ao día sobre os diferentes espectáculos ofrecidos polo Festival Atlántica, aquí tedes o link ao seu Facebook.