0

O FACEBOOK ANALÓXICO

Inauguramos o blog falando doutra inauguración, a do noso FACEBOOK ANALÓXICO!! E isto que é? Pois… unha especie de buzón de suxerencias, pero interactivo. Unha especie de facebook, pero físico.

Este facebook analóxico pretende ser un punto de intercambio de opinións entre os usuarios e usuarias deste andar de infantil e xuvenil da Biblioteca Anxel Casal.
O obxectivo principal é coñecer, de maneira orixinal e divertida, a vosa opinión sobre esta zona de infantil e xuvenil, así como as suxerencias e críticas que vos apeteza achegar: sobre o funcionamento, as actividades, o catálogo de libros, melloras, etc.

E que hai que facer para participar neste experimento? Moi facil, vir á biblioteca!

Como funciona?
– Se queres iniciar un comentario:
1.- colle un anaco de papel azul
2.- escribe o comentario que queiras compartir (non tes que poñer o teu nome se non queres)
3.- pégao no “muro”
– Se queres respostar a un comentario xa feito por alguén:
1.- colle un post-it amarelo
2.- escribe a túa resposta/comentario (non tes que poñer o teu nome se non queres)
3.- pégao debaixo do comentario que queiras respostar
– Se queres expresar se che gusta ou non un comentario:
1.- colle a emoticona do noso facebook que mellor se adapte ao que queres expresar
2.- pégaa no comentario que queiras

Os comentarios ou respostas da propia Biblioteca irán en post-it rosa.

Ah! e unha cousa moi importante: NON están permitidos comentarios insultantes, sexistas, homófobos, etc.. A Biblioteca reservámonos o dereito de eliminar do muro aqueles comentarios que non sexan apropiados.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!